Hugo Costa

Ás veces penso cousas que non caberían nun tweet.

Mar 28, 2013

Ai, Spotify

Levo anos falando e escribindo, con ampla, elástica e arbitraria periodicidade, pero constancia, de Spotify. Calquera podería pensar que son un usuario intensivo do servizo, mais non é así. Por etapas, cada certo tempo, pago a subscrición Premium –ou, en menos ocasións, a Unlimited– e emprégoo como reprodutor principal, deixando de lado a iTunes. Pero o certo é que sempre, coa mesma periodicidade, deixo de pagalo, e non polo prezo –que, para tan excelente catálogo, paréceme irrisorio– senón porque o aplicativo está ben para todo excepto para escoitar discos. Agora, coa actualización da web e do aplicativo de escritorio, volvín pagar para ver se o asunto mellorara un pouco. Nos últimos meses probei Rdio e dalle aproximadamente vinte mil voltas a Spotify en case todo mais non no catálogo. E seguramente por iso a xente siga usando Spotify; se Rdio tivese un catálogo á altura nin nos lembraríamos da empresa sueca. Rdio copiou os pequenos detalles que toda a vida funcionaron ben e levounos ao mundo do streaming. En Rdio, ao buscar un disco, as carátulas nos resultados vense ben, grandes, nítidas, e sen letras por riba. Como en iTunes. En Spotify o título do disco tapa parte da cuberta. Por non mencionar o feito de que aparecen coas esquinas redondeadas cando os discos, de toda a vida do Señor, foron cadrados coas esquinas ben definidas. Cousa que tamén Rdio e iTunes fan ben. Rdio e iTunes saben que, polo xeral, unha persoa escoita un disco varias veces e por iso permiten crear, alén de listas de reprodución, unha colección. De discos, coma toda a vida. Organizados por autor, por ano, por estilo ou por calquera outro criterio. Cousa que, de novo, Spotify non soubo entender. Spotify permíteche crear listas de reprodución que poden conter, loxicamente, un disco, mais este método de organización é limitadísimo. En Rdio e en iTunes, ao abrir un disco, ves a duración total da obra. En Spotify, claro, nada. Non souberon copiar nin iso. En Rdio, ademais, ao valerse da comunidade podes ver que amigos escoitaron o disco, que cancións valoraron e, a continuación, as críticas ao disco na forma de comentarios, dunha forma accesible e atractiva, sen submenús nin ligazóns a outras páxinas, que convida a un a deixar a súa opinión. Nada disto en Spotify, tampouco. Xa por non falar da interfaz, que é catastrófica, ou do rendemento (a última versión para OS X é un verdadeiro desastre).

One word to describe Spotify's UI: inconsistent. It feels like works from 5 different designers blended into one with something extra.

Podería parecer, dito isto, que Rdio é moi superior a Spotify, mais o certo é que o catálogo de Rdio é paupérrimo. Non ten sentido pagar por tan pouca música, aínda que coido que mellorará no futuro. Desde logo, creo que Rdio ten unha base moito mellor ca Spotify. Encantaríame que Spotify funcionase, mais non o fai. E paréceme os erros que mencionei antes son obvios para calquera persoa que escoite algúns discos cada día. Certo é que Spotify aínda non chegou á versión 1.0, pero hoxe por hoxe non é unha alternativa a nada. A aposta de Spotify, como a de Rdio, é perfecta para subir ao podio, pero na carreira dos servizos de streaming de música parece que ninguén quere gañar. E é unha verdadeira mágoa porque a oportunidade é histórica.

Antes escribín, en castelán, De discos, yo, Spotify y un poco de melancolía e Cinco cosas que Spotify debería mejorar (para ser casi perfecto).

Mar 26, 2013

Kindle Paperwhite

Levo dous meses e case unha semana empregando o Kindle Paperwhite. Pedino a finais de xaneiro logo de meditalo ben durante as vacacións de nadal e aínda así con poucas certezas e moitas reticencias, sobre todo por saber se subsituiría aos libros en papel ou remataría por volver a eles e deixar o Kindle para ler de cando en vez, se cadra algún PDF ou unha noticia dun xornal. O asunto preocupábame máis que nada porque o libro electrónico non destaca por ser barato –a tableta máis accesible de Amazon, a Fire, custa só 30€ máis– e se o mercaba era coa vista posta no aforro a longo prazo. Os libros en formato dixital na tenda de Amazon custan, facendo unha estimación xeral de máis, pouco precisa e un tanto aleatoria, a metade do que en papel. Polo tanto, para ler só un ou dous ebooks ao ano o trebello sae pouco rendible. Afortunadamente non foi o caso. Despois deste tempo cada día úsoo máis e hai tempo que non merco un libro en papel.

O mellor do Kindle Paperwhite

Encántanme as cousas que fan o que se supón que deben facer. Que parece obvio pero non sempre, nin a maioría das veces, ocorre. Prefiro escoitar música no iPod a no móbil, e iso que o móbil me permite tuitear o que escoito, buscar a letra da canción en directo e puntuala en RYM, pero sigo preferindo o iPod, porque o que fai –reproducir cancións– faino perfectamente, e dúralle a batería o suficiente como para escoitar o último disco de Swans cinco ou seis veces seguidas, cousa imposible no móbil. Por iso me encanta o Kindle Paperwhite. Nun Nexus 7, alén de ler libros, seguramente sexa posible gardar en Evernote un fragmento que nos guste da lectura, ou ler non só libros senón tamén xornais ou revistas. No Paperwhite isto non é posible, pois só serve para ler libros. Pero ler en tinta electrónica é infinitamente máis cómodo que facelo nunha pantalla clásica. E que a batería dure, segundo a miña experiencia, arredor dun mes é de agradecer. E que non pese nada. Son vantaxes que converten a lectura no Kindle nunha experiencia na que un non bota en falta case nada. Por non mencionar o excelente catálogo de Amazon. As obras clásicas (desde a Biblia até Romeo e Xulieta) pódense atopar de balde, e os libros que leron os nosos avós están a carón das últimas novidades. Sempre que as editoriais o permiten, cousa que pasa lixeiramente menos do desexable. E se atopamos un libro que teña boa pinta podemos descargar un adianto –dez ou doce páxinas– ou directamente mercalo cun só toque.

O menos bo do Kindle Paperwhite

Os maiores problemas do Kindle atópanse, para min, no que rodea a lectura. Hai aspectos que Amazon debería coidar máis para mellorar a experiencia. Os principais navegadores admiten a extensión Send to Kindle coa que podemos enviar ao Kindle un artigo que, abofé, será máis cómodo ler no Kindle que na pantalla do PC. E é marabilloso; se hoxe me quitan o Kindle botaría de menos a costume de enviar artigos para ler con calma cando teña tempo, e non ás presas –e de forma moderadamente incómoda– na pantalla. O problema é que un non sempre ten acceso ao computador e sería de grande utilidade poder acceder desde o navegador experimental do Kindle –que o ten– a unha web e seleccionar as pezas para ler máis tarde adaptadas ao formato do libro electrónico. Ou o que sería inmensamente mellor: recibir no Kindle as actualizacións dos blogs aos que nos subscribamos. É dicir, un RSS. Sería interesantísimo. Por outra banda, hoxe en día resulta moi común compartir o que nos gusta e, ata onde eu sei, desde o Kindle non hai maneira de publicar en Twitter ou Facebook a ligazón a un artigo como faríamos logo de lelo no PC. O que si se pode é compartir unha frase ou un fragmento, pero non lle atopo demasiada utilidade. Un aspecto interesante é que o Kindle ten a posibilidade de destacar nun texto frases, palabras ou mesmo parágrafos enteiros que nos gusten. Estes gárdanse nun libro que se actualiza continuamente («Mis recortes») pero que resulta enormemente incómodo de consultar pola súa estruturación. Tan difícil sería facer unha copia de Evernote, Simplenote, Springpad ou algo semellante? Tamén sería de agradecer que Amazon mellorara a comunidade, no sentido de que un cando quere atopar opinións sobre un libro ten que ir a Goodreads ou preguntar a un amigo. Coa enorme cantidade de libros que ten Amazon debería facilitar dar unha puntuación e unha crítica ao libro, crear listas do que nos gusta e do que non, dos «Libros que me fan sentir ben» e dos que «Nunca recomendaría», marcar títulos como «Para ler máis adiante», e todas esas cousas que tan ben fai xa Goodreads. Pero, ademais destes aspectos mellorables, o Paperwhite ten un erro moi grave. É imposible ler texto sen xustificar, co que toca ler libros coas palabras fatalmente distribuidas, con letras moi separadas e espazos en branco que fan sangrar os ollos. Parece mentira que, coa experiencia que ten Amazon na industria, aínda non o solucionaran, porque resulta en moitos casos enormemente molesto.

E ben?

Con todo estou moi contento e hoxe volvería compralo. Ler en papel é máis bonito: as follas ulen ben, resultan agradables ao tacto e teñen, desde logo, máis encanto, pero, adaptado como estou ao libro electrónico, non conto con volver ao papel. É difícil renunciar á comodidade de ver a definición ou a tradución dunha palabra con só tocala. Ou a comprar libros sen ter botado unha ollada ao adianto antes. Recoméndoo sen dúbida.

Mar 14, 2013

Menos

De un tempo a esta parte veño tirando moitas cousas. Ás veces entro na habitación con varias bolsas e énchoas de todo aquilo ao que non lle atopo un uso claro e que durante moito tempo gardei por se precisaba nun futuro. Boto ao lixo discos que me regalaron e nunca quixen, apuntamentos da universidade que non volverei a necesitar, papeis de promocións —en 2009 había 3 pizzas por 3€ en Telepizza–, flyers, fotos, moita roupa —ao colector da roupa, claro—, libros, caixas e ata un taboleiro de cortiza. Documentos do banco, receitas do médico, unha caixa de globos. Ao final baleirei un par de mobles da habitación que levaba meses sen abrir, e non só porque non quixera —que non quería— senón porque co que pesaban non podía. Agora teño bastantes caixóns baleiros e non gañei só en espazo senón, sobre todo, en lixeireza. Tanto ten o que pesen os caixóns; ao moble dalle igual sostelos cheos ou baleiros, e o chan non adoita queixarse do peso. Se intento desfacerme de todo o prescindíbel é para que as maletas sexan máis lixeiras. Porque traballar e vivir neste país non parece tarefa doada e apenas me quedan 15 meses de carreira. Igual todo está mellor daquela; pode que remate a universidade, atope un traballo digno e que me guste non moi lonxe da miña familia e sexa quen de asentarme por aquí. Mais visto o visto parece improbable que así sexa e non semella moi aventurado valorar opcións ao norte dos Pirineos que algún día foron secundarias e hoxe son as que quedan. E pouco a pouco vou pensando cada día máis niso. Con só un curso por diante toca prepararse e mentalizarse e ata pensar en posibles destinos. Toca pensar que igual un día, a non moito tardar, toca mercar un billete de avión e coller un bus cara o aeroporto. Daquela as maletas terán que ser lixeiras.

Dec 25, 2012

Internet

Agora si que se pode dicir iso de que o que non sabe programar ou falar idiomas é porque non quere. Aprender idiomas ou programación e deseño web nunca fora tan doado, asequible e atractivo. Internet é unha marabilla por cousas coma estas.

Nov 22, 2012

Adeus e grazas, Whatsapp

Hai unhas semanas estaba eu en Sevilla, no EBE 12, escoitando a Pau Garcia-Milà, un tipo moi optimista que ten certa experiencia no mundo de internet e estas cousas, e falaba das enormes posibilidades que da a Rede a quen queira innovar, a facilidade de que, creando un bo produto, este se convirta nun enorme éxito da noite á mañá. Mencionaba os casos de Angry Birds, de Instagram ou de Whatsapp. O aplicativo, este último, máis exitoso da historia, dicía. En termos de repercusión e, obviamente, en termos económicos. A equipa de Whatsapp está formada por, creo lembrar, sete persoas ás que un día se lles ocorreu unha moi boa idea e a levaron á práctica con atino dabondo como para que a xente a descargara (e, acotío, pagara por ela) e falase moi ben sobre ela aos seus amigos, que a baixaban e compartían a boa nova, e así se repetía a historia. A Whatsapp sobráronlle pretendentes pero tampouco lle faltaron rivais. O último, Line. Movistar tentouno con Tuenti, Microsoft con Groupme e Apple con iMessage, pero a todos eles lles saiu a xogada, no mellor dos casos, regular, e é que analizar os motivos que converten un aplicativo nun éxito daría para un novo post. Line é, ata onde eu sei, un aplicativo do Xapón que non inventa nada novo pero si introduce algunhas cousas xa presentes en outros servizos ('compartir momentos', coma en Path) e o fai con relativo acerto, cunha estética moito máis coidada que a de Whatsapp (non é difícil) e un funcionamento fluido e impecable. Line está a ter moderado éxito en Europa, e cada día comeza a empregala máis e máis xente. Está por ver se acabará con Whatsapp, que non parece cousa doada, pero oxalá sexa así. Odio Whatsapp. Non tanto o servizo, que tamén, como, sobre todo, a empresa. Nesta burbulla de startups tecnolóxicas hai algunhas empresas que coidan bastante o seu produto, introducindo interesantes melloras de cando en vez (Spotify, Instagram), outras que coidan o seu produto moito, tratando de reinventarse cando convén e evolucionando moito, moi a menudo e con moito acerto (Evernote, Tapbots, Pixelmator) e outras que non o coidan nada, que viven de unha boa idea á que apenas lle aplican evolucións, á que non lle botan imaxinación e a cuxos usuarios acostuman ignorar. Whatsapp é o exemplo perfecto deste último caso, un aplicativo que apenas mellorou a súa enclenque estabilidade, que segue a funcionar tan pouco fluidamente coma o primeiro día e que, desde entón, apenas presenta novidades. Cero imaxinación, cero paixón polo produto, cero ambición. Vexo difícil que Line (ou outra calquera) desbanque a Whatsapp, mais oxalá. Eles teñen todo o dereito, faltaría máis, a vivir dunha boa idea e non mover nin un dedo para mellorala, pero nós, desde logo, temos todo o dereito a escoller unha opción mellor.

Oct 21, 2012

21O

Hoxe os galegos xogámonos moito. O de menos é que das urnas saia una maioría de dereitas ou de esquerdas, liberal ou socialista. Hoxe os galegos escollemos o noso papel no Estado, se queremos seguir loitando e mantendo as aspiracións ao autogoberno ou apostamos por unha España única, unida e homoxénea. Eu teño claro que opción prefiro, e sei que de saír refrendada a contraria sentiría, cando menos, decepción. Lástema de país. O punto de partida xa nos indica algo: a presidencia da xunta debátese entre dous partidos con sede en Madrid. En Galicia as posibilidades redúcense a un goberno de PP, está por ver se precisaría algún apoio, ou de PSdeG co apoio de BNG e quizais outros tantos. As diferenzas entre eles son máis ben poucas alén dos discursos, por certo, pouco cribles en ámbolos casos, pero cómpre reparar en algo máis. A España dos próximos anos pode que non teña a silueta que hoxe coñecemos. Catalunya e Euskadi, contando con que alí gañen partidos independentistas, que así será, preparan desafíos soberanistas para esta lexislatura, e se a xogada lles saíse ben a recentralización do estado español sería un feito; España esquecería a necesidade de encaixar a Catalunya e Euskadi (por e para eles naceu a 'España das autonomías') no seu mapa, e uns poucos berros nacionalistas desde Galicia non habían ser problema para devolver de forma efectiva toda forma de goberno a Madrid. Galicia ten unha oportunidade histórica. Se hoxe gaña Feijóo modificará o sistema electoral de Galicia, como prometera, para darlle máis peso ao voto das provincias de Lugo e Ourense, tradicionalmente conservadoras, e as forzas galeguistas terán que dicir adeus ás suas aspiracións de goberno durante non pouco tempo; a dereita españolista, se así o quere o pobo, quedará blindada no poder. O galeguismo hoxe debe votar, se o ten a ben, para defenderse. Galicia non é un ente abstracto, Galicia son os galegos. Hoxe os galegos, aínda que algúns non o saiban, deciden o que queren ser no futuro.

Sep 24, 2012

The 2nd Law

Que difícil xulgar un disco de Muse. Falamos da banda que o mundo quere coroar como reis do rock e resulta case imposible ser obxectivo, mais isto é o meu blog e aquí a miña subxectividade inxustificable ten cabida. Con cinco discos ás costas compre innovar, renunciar á monotonía e saír da zona de confort. Muse conségueno, pero pagan un prezo, e é que o disco carece de orixinalidade; reivéntanse a sí mesmos para non caeren na monotonía pero cometen o erro de coller demasiadas ideas prestadas para facelo. Poderíamos argumentar que non hai nada novo baixo o sol, que os bos artistas non copian senón que rouban, pero Muse recorren en The 2nd Law a tópicos musicais excesivamente gastados. O disco segue totalmente o camiño de The Resistance, de 'United States of Eurasia' máis concretamente, e profundiza non na electrónica de aire tecnorock da que facían gala nos primeiros discos (con bos resultados) senón nos sintetizadores máis pachangueiros, efectistas e predecibles. Claramente, mirándoo con perspectiva, tanto The Resistance coma este The 2nd Law pertencen a unha nova etapa da banda a todas luces peor e, con todo, non horrible. Da a impresión de que boa parte do que ata hoxe viña funcionando xa non o fai con tanta solidez, e que as novas aproximacións ao dubstep ou ao pop electrónico dos 90, aínda que se agraceden, parecen postizas e restan coherencia a un álbum que non resulta en absoluto homoxeneo; as guitarras de Supremacy dan lugar a unha idea equivocada, o disco carece dese son afilado propio dos Muse pre-famosos; as seis cordas non volverán mostrar a súa agresividade en todo o disco. Agora ben, non todo é tan malo. Na comparativa cos seus anteriores discos saen perdendo de forma máis que clara, pero se evitamos a comparación e esquecémos as críticas ao orixinal do disco veremos que se trata dunha obra aceptable, con momentos interesantes e, sen dúbida, máis asequible para certo público. Os falsetes de Bellamy seguen aí, o aire excesivo e grandilocuente tamén. O que era Muse, a grandes rasgos, segue aí, pero din adeus a certas facetas sen as que lles será moito máis doado seren coroados como reis do rock ou, máis probablemente, gravar a BSO de algún filme para adolescentes.

Sep 16, 2012

O meu novo móbil

Unha mañá, hai algúns meses, acordei na cama á hora prevista grazas á alarma do móbil, que xa levaba uns minutos sonando cando lle comecei a prestar atención. O primeiro que fixen, como de costume, foi mirar as notificacións pendentes, para ver se me perdera algo mentres durmía, e a hora e a data, para volver situarme no mundo real. Abrín Twitter e non se falaba nada interesante, así que o pechei e, aínda cos ollos entreabertos, botei unha ollada a Instagram. Na parte superior dereita da pantalla había unha mancha laranxa. Encendín a luz, a mancha xa era menos visible, pero aí seguía.

O móbil estaba a piques de cumprir dous anos e achegábase a hora de cambialo, pero aínda así leveino á tenda para que mo amañaran antes de que rematara o prazo da garantía, o pasado 24 de agosto. Hai uns días chamei para informarme do estado da reparación e dixéronme que a garantía quedaba sen efecto pois o móbil tiña un golpe na parte inferior. Que carallo terá que ver, pensei eu, pois o golpe fora máis de un ano atrás e, alén de ser un golpe superficial, está ben afastado da pantalla; sen ter eu coñecementos profundos no asunto, vexo claro que unha cousa non tén que ver coa outra. De calquera xeito, non é a miña intención poñer a caer dunha burra ao servizo postvenda de Orange, que o certo é que ata hoxe non me deu senón alegrías. Levo preto dun mes sen que nada me vibre no peto, sen nada que me esperte polas mañás, e, en realidade, sen botalo de menos. Pero agora achégase a volta á rutina e teño que escoller un móbil novo, que non é plan andar pola vida desconectado. Que igual alguén me escribe un tweet, ou algo, e non me entero.

A vida sen móbil

O móbil está moi ben, pero a falta del tampouco é mala cousa. Cando menos de cando en vez. A primeira consecuencia de vivir sen teléfono, polo menos para min, é que vivo sen horarios, basicamente porque non teño reloxo. O feito de encarar o día a día sen horario é cómodo cando un non ten nada que facer, e eu no verán non tiven absolutamente nada que facer, mais agora que pouco a pouco (eu son moito de facer as cousas con calma) vou voltando á rutina faise máis necesario un reloxo.

A segunda consecuencia é que, cando un ten que se comunicar, recorre ao correo electrónico ou ao teléfono fixo moi habitualmente, ou incluso en situacións excepcionais a quedar con xente real en persoa. Dificulta lixeiramente a comunicación, si, pero é agradable non estar pendente do móbil.

A terceira consecuencia é que o cerebro deixa de pensar en 140 caracteres e os ollos paran de aplicar filtros ás imaxes (cadradas) que ven. Coma con todo, nin tanto nin tan pouco; hai fotos que me tería gustado subir a Instagram e momentos que me tería gustado tuitear, mais é o que hai, e polo menos un non corre o risco de perder de vista algo interesante por estar a tuitealo. Que iso pasa. A todos. Non me miredes con esa cara, que non son máis freak ca vós (recordade que estades a ler un blog, un concepto puramente freak e, ademais, pasado de moda).

The next big thing

Xa aforrei para un móbil novo e rematei a permanencia con Orange; atópome en condición de negociar. Á hora de mirar móbil ignoro bastante as características do hardware, pois a día de hoxe case todos os móbiles funcionan rápido, fan boas fotos e teñen boas pantallas. Si, uns máis ca outros, pero de verdade é preciso que o móbil teña un procesador de catro núcleos? 2GB de RAM? Pode, non sei que fai a xente cos seus trebellos, mais para min non é unha cuestión importante. Seguro que hai unha chea de pseudodirectores de cinema indie que montan as súas películas no móbil, que ademais debe ter unha pantalla descomunal para tal fin, pois todos sabemos como de importante é poder postproducir un filme mentres viaxamos no metro, pero, sinceramente, non é o meu caso. Nin a miña computadora ten catro núcleos, e tampouco lle fan falta.

Así son as cousas, véxome coa posibilidade de mercar un Windows Phone, un Android ou un iPhone. Os Windows Phone atráenme, pois teñen unha estética interesante, e o certo é que en directo funcionan ben, de forma fluida e, cousa moi importante, están deseñados para ser usados como móbiles, para levar no peto, chamar, tuitear e demais, ben sabedes. O malo é que a miña experiencia con Windows non é positiva; levan moitos anos facendo as cousas mal e, aínda que agora parece que o fan medio ben, non rematan de convencerme. Terán que pasar aínda anos para que, para min, se desfagan da mala imaxe que teñen.

Windows Phone gústame, mais tamén valorei a posibilidade dun Android. Se lle gustan a todo o mundo por algo será. O único que atopei de estética salvable foi o Galaxy Nexus de Google. As críticas eran favorables e, en xeral, semellaba un bo teléfono, mais facíaseme algo grande. Seguín mirando e botei unha ollada ao mellor teléfono de Samsung, o Galaxy SIII, cunhas carácterísticas técnicas por todo o alto, perfecto para o pseudodirector de cinema, e con detalles de software tan interesantes coma o que me acaban de comentar: é posible ver á vez Whatsapp e o Marca na pantalla. Como puidemos vivir ata hoxe sen poder ver Whatsapp e o Marca á vez? Co necesario que é iso. Desbotei a posibilidade de Android pois véxoo sen rumbo, sen estilo, sen ideas claras. É un sistema operativo que serve para facer case de todo e case nada ben, da man de fabricantes que se meteron nunha innecesaria carreira de hardware. O que cre primordial esa potencia bruta nun móbil recorda a aquel que quería unha Vespa con turbo e 260 cabalos de potencia para moverse pola cidade. Pode que acerten, mais eu discrepo.

Android is the MySpace of mobile

Con este panorama a cuestión parece clara.

iPhone 5

Lonxe da decepción que moita xente fixo pública, eu estou satisfeito co que será o iPhone 5. Paréceme bastante difícil mellorar un teléfono tan bo coma o 4S e, porén, o 5 faino en prácticamente tódolos aspectos. Poderíamos discutir acerca do apropiado das 4 polgadas na pantalla ou do controvertido deseño da parte traseira, pero penso que Apple segue o camiño axeitado. O iPhone 5 segue a ser o mellor móbil que existe; probablemente non sexa a mellor computadora táctil de peto, pero tampouco é o que se lle pide.

Lía onte a varias persoas asegurando que todas e cada unha das características do novo iPhone xa están presentes en Android dende hai tempo. Obviando o esaxerado da afirmación, semella que estas persoas esquecen que os Toyota fan o mesmo que os Mercedes, que un traxe de Zara serve para o mesmo que un de Prada; convén lembrar que, chegados a este punto no que case tódolos móbiles fan o mesmo, a cuestión non é tanto o que, que tamén, senón o como.

Moita xente mostrábase indignada onte pola ausencia de NFC, ese sistema tan utilizado e de clarísimo futuro, ou de carga por indución, supoñendo que é moito máis cómodo contar cunha base sobre a que poñer o móbil para cargalo que enchufalo a un cable. Enténdaseme, non vería mal estas melloras, pero non as considero primarias, nin sequera secundarias.

Ben sabemos que as opinións son coma os cus, cada un ten o seu, e onte boa parte da masa crítica centraba a súa furia contra o inmobilismo do deseño do iPhone. Hai unhas horas atopei aquí unha foto que ilustra con bastante claridade o por que da pouca evolución no deseño do iPhone. Evolución BMW

A todo isto, o único pero que lle poño ao iPhone 5 é o prezo. Falta por coñecer a cifra definitiva para España, mais mirando a Francia e Alemaña non parece que vaia ser precisamente barato. Todo depende da negociación con Orange, pero se as cousas van como deben, o iPhone 5 será o móbil que veña substituir ao meu querido iPhone 4 con mancha laranxa na pantalla.